sábado, 7 de mayo de 2016

*** Opinión
Auditorio

As vodas de prata do Festival de Banda de Meaño puxeron en evidencia, unha vez máis, a falta dunha instalación axeitada en sonoridade, capacidade e comodidade para eventos desta índole. A alternativa da carpa, como neste caso, ou do pavillón de deportes de As Covas, como fai unhas semanas co encontro das bandas xuvenís de Silleda e Meaño, ou mesmo o pasado ano cos percusionistas de Odaiko, ofrecen un marco impropio para albergar concertos deste calado.
Semella que entre os políticos meañeses existe aversión á palabra “auditorio”. Uns, simplemente, a evitan dun tempo a esta parte, outros a maquillan mudando o seu nome. E cando alguén se atreve a mentala atópase co calificativo de “obra faraónica” a xeito de latiguiño-resposta.

XXV Festival de Bandas debaixo dunha carpa na Praza da Feira
Diranme os detractores que construir un auditorio é caro, e que máis custoso é aínda mantelo. Argumentan que abrir o de Ribadumia ten un coste de 300 euros por evento. O concepto de caro é relativo. Ao parecer non o é construir, e logo manter, tres campos de fútbol de herba sintética que se pretenden para un concello como Meaño, con dos humildes clubes de fútbol máis un terceiro de base. Pero, sabemos canto custa manter un campo de herba artificial? Botemos un chisco de luz sobre o asunto.
Dotar de céspede sintético o campo de de fútbol-7 da A Toxa en Meaño supuxo no ano 2005 unha inversión de 150.000 euros. Dado que é preciso cambialo a causa do seu deterioro -querendo reconvertir de paso instalación nun campo de fútbol 11-, temos que este céspede durou 11 anos, isto é 132 meses, non si?. Dividida a inversión dos 150.000 euros entre esos 132 meses, concluimos que o campo de fútbol 7 de A Toxa veu costando, por pura matemática, asómbrense, 1.136 euros... por mes!
Pero aínda máis: dotar de céspede artificial o campo de fútbol de As Cachizas en Dena supuxo en 2007 invertir 270.000 euros -cifra incrementada ata os 367.000 por outras obras, tales como muro e grada-. Hoxe é preciso, senón urxente, cambialo, de feito é promesa do grupo de goberno para esta lexislatura. Temos así que ata 2016 este céspede resistíu 9 anos, isto é 108 meses. Se obramos de igual xeito, e dividimos os 270.000 euros entre os 108 meses de uso, veu custando 2.500 euros... por mes!.

Encontro de Bandas xuvenís Meaño&Silleda no pavillón de deportes de As Covas
Pois nada, ainda non satisfeitos, pensamos en céspede artificial para un campo de fútbol 11 en Meaño, e incluso para un terceiro campo que sería o Boavista en Xil… En total tres campos, o cal, tomando como referencia o de As Cachizas pódennos saír, aí e nada, nuns 7.500 euros… por mes! ou, o que é o mesmo, 90.000 euros por ano!
Isto non é caro, pero un auditorio -ou como queiran chamalo- si. Ver para creer. En fin. Aquí temos a cabeza como as leiras… fragmentadas: sete casas de cultura -varias delas sen uso-, tres pavillóns de deportes -mellor dito, dous, que un xa voou-, dous centros de saúde… de verdade que non somos quen de tirar conclusións de todo isto?
E o peor, ante esta evidencia, é que faltan políticos locais dispostos a falar claro, sempre os ves presos dos potenciais votos que poidan perder pola suposta impostura dialéctica se se posicionan contra un campo de fútbol. Pois nada, segamos pensando en tres campos de herba sintética mentras unha banda de música centenaria, referencia en Galicia e incluso España, cunha escola de música, exemplo na comarca, sega mendigando en Ribadumia, chirriando polos pavillóns de deportes, procurando cobixo en San Benito, nas adegas Vionta... Non hai peor cego que o que non quere ver, ou non? En fin, unha mágoa. 


1 comentario:

  1. A pleitesía que se lle rende ó fútbol neste país non ten límites.
    Dáselle máis importancia e atención a un imbécil dándolle patadas a unha pelota, que a un músico interpretando unha fermosa peza musical.
    Pero es "España", país da cultura da caspa, del toro, los machos ibéricos e as súas siervas.
    Temos o que nos merecemos, está claro.

    ResponderEliminar