sábado, 23 de marzo de 2013

Hemeroteca,1999: Germán Rodiño ex-calcalde de Meaño


 Meaño coñeceu desde a transición democrática tres alcaldes. O primeiro deles foi Germán Rodiño González, quen exerceu o cargo entre 1976 e 1991 e que finou en 2007 aos 81 anos de idade. Del rescatamos hoxe para este Ventanuco o orixinal dunha entrevista concedida por él a Faro de Vigo, publicada con data 19 de marzo de 1999 e na que anunciaba o seu adeus definitivo ao mundo da política. Daquela o concello e iso de ser alcalde era moi diferente a hoxe.


Germán Rodiño anunciou esta semana que deixa o mundo da política. Concelleiro nas últimas corporacións franquistas, foi designado alcalde en 1976 pola última corporación que viña do réxime, si ben por entonces estaba empezando a transición democrática. Gañou as primeiras eleccións municipais libres do 79 baixo las siglas da U.C.D. Máis tarde gobernou da man de Coalición Galega a na última lexislatura (1987-91) fíxoo baixo as siglas do Partido Popular. Dende entonces ata o 99 actuou como concelleiro na oposición. Foi alcalde, como lle gusta matizar, "durante quince anos e medio", un tempo suficiente para obrar, aprender e tamén para equivocarse.

"TOMEI A POLÍTICA A PEITO, QUIZÁIS DEBÍN RETIRARME ANTES"

- ¿Como se lle deu a vostede por meterse no mundillo da política alá a fins dos anos 60?
- Daquela sentía devoción por axudar a resolver esas deficiencias que ás veces hai en certas obras e servicios municipais. Buscáronme, non me acordo ben quen, quizáis fora Marcelino Torres ou Benito Otero, e eu xa sentía gañas de participar. Aquelas corporacións estaban compostas por dez membros: o alcalde e logo os concelleiros en base a tres tercios, un por familia, outro por institucións e outro tercio por sindicatos. Eu eu entrei por este último.

Germán Rodiño en 1996 na de Otero
- ¿Como eran aquelas corporacións de finais do franquismo?
- Era un grupo de xente que tamén traballaba para facer algo polos veciños, aínda que había poucos cartos e pouca maquinaria. Naqueles plenos non solía discutirse, aínda que algunha vez eu cheguei a iso. A verdade é que daquela o alcalde tiña moito poder, e tamén influía moito o segredario. Lembro que ás veces o propio segredario non lle gustaba algunha pregunta que un podía facer e ó mellor acábabache constestando con malos modos e palabas. O certo e que os concellais xogaban un papel menor.

- Unha vez morto Franco vostede foi elexido alcalde pola vella corporación en 1976, porque non houbo municipais ata o 79. ¿Foi certa a anécdota que contan de que o anterior alcalde, Marcelino Torres, lle vaticinara un futuro curto na alcaldía?
- A min non mo dixo, pero chegáronmo a comentar. O certo é que a min non me consta de primeira man.

- Hoxe o concello de Meaño manexa presupupostos de 200 ou 300 millóns de pesetas. ¿Lembra por curiosidade canto era o presuposto do concello en 1976 cando vostede entrou de alcalde?
- Seis millóns e pico. Pouco se podía facer con tan poucos cartos.

- ¿Pensa vostede que era máis difícil ser alcalde en Meaño a fins do 70 que a agora nos 90?
- Sí, daquela había que ser indiscutiblemente moito máis sacrificado. Meaño non tiña un funcionario facendo traballos fóra do concello e moitas veces era eu quen facía todo ese traballo, incluso cheguei a andar nalgunha ocasión coa boquilla de botar o aglomerado nos camiños para que as máquinas, que viñan uns días contados, estiveran traballando no momento en que os obreiros estaban descansando. Tratábase se aproveitalas ó máximo. Hoxe o alcalde dispón de máis plans de axuda, de máis cartos, e daquela había que arreglarse como se podía para ir facendo as cousas.

- Os plenos seus eran moito máis movidos, sobre todo si os comparamos cos que hoxe se viven Meaño.
- Sí, eran bastante movidos. A pesares de que dispoñía de maioría absoluta eu daquela tiña unha oposición moi dura. Mareábanme, roíanme, acusábanme, facíanme unha guerra terrible. Foi unha crítica feroz, moi destructiva, onde nada do que facía lles servía. E daquela en ocasións ía a sua xente ós plenos en Meaño, porque poder ir a un pleno era entonces toda unha novidade. E iso daba cancha a algún concelleiro para expandirse diante do público na súa plática e na sua crítica hacia o grupo de goberno. O obxectivo deles era derribar ó alcalde por enriba de todo. Eu hoxe non servo pra facer ese tipo de oposición. O certo é que daquela, estou falando de fins dos 70, había máis interés da xente pola política municipal en Meaño, máis discusión.

Germán Rodiño recibe un recoñecemento de mans do presidente da Diputación, Rafael Louzán

- ¿Algún concelleiro traíao de cabeza naquela oposición?
- Algún sí... ja, ja... sobre todo Laureano García Ruibal, que era o portavoz do P.S.O.E.

- ¿Que logros resaltaría daqueles quince anos como alcalde?
- Martizarche que foron quince anos e medio. Resaltaría que se creou unha infraestructura de camiños e pistas asfaltadas en Meaño como non había outro municipio no entorno, de feito tódalas casas quedaron con camiños asfaltados. Para facer tantos kilómetros, e tendo o concello tan poucos cartos, houbo que recurrir á colaboración dos veciños: eu conquería as máquinas, compraba o morrillo e o necesario para botar o asfalto, e logo os veciños viñan a traballar con ilusión, moitas veces coas suas propias ferramentas, eu entre eles en ocasións. Xa sei que ó mellor non era o sistema ideal, pero foi o único para facer tanto como se fixo daquela en Meaño. Fixéronse ademáis tres pistas polideportivas cubertas, cinco casas de cultura, xestionáronse terreos para conquerir dous consultorios médicos para Meaño, logrouse un colexio máis para o municipio, conqueriuse un terreo en As Covas para facer un complexo deportivo multiusos que non chegou a executarse por ter cesado eu como alcalde no 91, terreo que está hoxe aí abandoado…

- Precisamente vostede colleu a fama de que era un alcalde que traballaba máis nos camiños que nos despachos.
- En parte daquela era necesario que eu estivera nos camiños. Pero tamén estaba no despacho, era o primeiro que chegaba tódolos días ás oito da mañán, ás veces incluso antes, e alí facía da miña propia man os borradores dos escritos para pedir cartos.

- Vostede foi alcalde por U.C.D., por Coalición Galega e polo Partido Popular. ¿Estos cambios obedecían a xiros ideolóxicos ou simplemente a aquelo de arrimarse á árbore que máis sombra daba en cada momento?
- Foron cambios motivados polas circunstancias. Primeiro fun da U.C.D. pero aquel partido desapareceu a princios dos 80. Algunha xente desa fundou aquí Coalición Galega e eu sentinme chamado a integrar aquel novo partido, que tamén logo acabou fóra da escea política. Finalmente entrei en Alianza Popular porque, todo teño que dicilo, eu sempre sentín, xa desde mozo, unha admiración moi grande por Manuel Fraga, e sígoa sentindo. E iso que cando eu entrei nese partido, que logo se transformou en Partido Popular, non estaba precisamente en tan boa situación, porqque era cando a Xunta estaba gobernada por aquel goberno tripartito do que non formaba parte Alianza Popular. Sempre foron as circunstancias ás que en boa parte me obligaron a cambiar.

Germán Rodiño nunha viaxe a fins dos anos 90
- Cando as eleccións dos 91 ¿ata que punto influíu na victoria de Jorge Domínguez que él traballara os últimos anos como funcionario do concello baixo as suas ordes?
- Influíu bastante, a min iso non mo quita ninguén da cabeza. Sí, porque empezou a coñecer máis xente, a solucionarlle os problemas cada vez que a veciños acudían ó concello. El, cando entrou no concello, xa o fixo coa intención de dar ó salto á alcaldía, ainda que a min nunca mo comentara. E tamén supoño que lle servíu para coñecer de primeira man os meus defectos, que algúns teño.

- A etapa do 91 para acá como concelleiro na oposición ¿mellor esquecela?
- Recoñezo que non traballei coa entrega que viñera tendo antes e que fun algo pasivo, non teño porque negalo.

- ¿Tal vez Rodiño non soubo retirarse a tempo?
- Home, quizáis. No 91 xa non digo, pero no 95 sí; eu quería deixar e pretendía que Manuel Lores fora xa o candidato, incluso aceptara nun principio pero ó final Lores botouse atrás.

- ¿Como valora vostede estos oito anos de goberno de Jorge Domínguez?
- Eu non vexo nada especial, nada diferente en canto ó programa que se viña executando. Completou as casas de cultura, agora anda cun polígono industrial do que xa había un anteproxecto feito cando eu estaba, pero para elaboralo doutro xeito, que para min agora vai un pouco sin orde aparente. O que ten que solucionar é ese vertedeiro de lixo que hai en Fontefría porque é inconcebible que se siga queimando basura aí arriba, algo que está resultando dañino para todos, máxime cando xa hai unha planta de tratamento de residuos que está funcionando.

- Defina en tres palabras a Jorge Domínguez
- Foi un oportunista que se presentou a alcalde e votáronno.

- Manuel Lores
- Un home sensato, con capacidade, que lle falta experiencia, pero que confío en que debía facer un bo alcalde.

- ¿Que lle deu a política a vostede en todos estos anos?
- Nada, excepto a satisfación da traballar en favor dos semellantes.

- ¿E que lle quitou?
- Algo de saúde porque o levei moi a peito.

- Dentro de outros quince anos e medio gustaríalle que a xente lembrara a Germán Rodiño como...
- Coma un home corriente, que tratou de traballar para que Meaño progresara e que non lle fixo daño a ninguén.

domingo, 17 de marzo de 2013


Meañeses polo mundo (II): Finlandia

Rafael Dovalo López é unha desas caras meañesa da emigración. A música levouno a Finlandia fai 46 anos. Alí casou cunha finesa coa tivo tres fillos. Hoxe, xubilado e con 71 anos, segue a vivir en Finlandia porque di que alí “os invernos son menos duros que en Galicia”. Reside en Helsinqui, a uns seis quilómetros do centro en dirección norte. Eso sí, cada ano non deixa de voltar polo seu Meaño natal para pasar unha boa tempada entre os seus.


“DESDE FINLANDIA A VISIÓN QUE SE TEN DE ESPAÑA É A DUN PAÍS QUE DESPILFARRA MOITO”

-       Nos anos 60 a xente emigraba a Alemaña, a Suiza, a Bélxica… Como acaba un meañés coma ti en Finlandia?
-       Todo foi pola música. A miña vida estivo ligada á música desde os 12 anos. Empecei na banda de Meaño en 1945, logo estiven co grupo “Los Chicos de España” actuando a diario tres invernos no hotel Universo e tres veráns no Gran Hotel da Toxa… En 1965 fixen a mili con dous anos de retraso por prórroga de estudos e en 1967 xurdíume a posibilidade de ir a Finlandia: un compañeiro, César González “Diosiño”, xefe da orquesta Florida, estivera tocando neste país en 1976. A muller non o deixaba voltar a unha segunda estadía e daquela fichoume para viaxar coa orquesta. Para min era a oportunidade de saír do país e cando un é xoven sempre está disposto á aventura. Precisamente fai un tempo, vendo o programa “Galicia polo mundo” da TVG, atopeime con el falando de Finlandia, e daquela pensei “larpeiro, polo túa culpa estou eu aquí…”

Rafa Dovalo na actualidade na sua casa en Helsinqui

-  O finlandés debe ser un idioma complicado, ¿como te arreglaches con el ao chegar?
-    Para os que estudamos no instituto en Pontevedra latín e francés non era demasiado complicado porque o finés é como o latín, a base de declinacións, xa que non ten artigos nin preposicións. Eu cheguei cun pequeno libro-guía francés-finés e vindo no barco de Estocolmo para Helsinki, antes de entrar en Finlandia, xa sabía conxugar o presente de indicativo de dous verbos esenciais, “ser-estar” e “comprender”, máis catro frases usuais para os saúdos. O demáis foi vindo pouco a pouco.
-       Emprendeches así unha aventura que dura 46 anos, non está nada mal. Vivías aí do mundo da música?
-       En principio sí. Durante seis anos seguidos actuei a diario nos mellores hoteis e balnearios do país. O noso contrato mínimo era entre un e tres meses, e chegamos a ter tanta demanda que tiñamos contratos asinados con ano e medio de antelación. En 1968 coñecín a muller con quen casei cinco anos despois. Daquela instalámonos en Helsinqui. En 1973 pasei unha proba e entrei nunha empresa como deseñador de lámparas e focos para autopistas, na que traballei ata 1978. Logo voltei e vivín dous anos en O Grove dando clases de música nos colexios por conta do concello.
-          Que te levou a voltar a Galicia?
-       Sinxelamente que a miña muller tiña moito interés por saber como se vivía en España, pedíu unha excedencia de dous anos e fúmonos para alá. Pero despois dese tempo chegamos a conclusión de que os invernos en España eran máis crús que en Finlandia…
-       Os invernos máis crús en España que en Finlandia?
-       Sí, semella raro, verdade? Pois é certo. É pola humedade e a falta de acondicionamento das casas. Pódoche dicir que aquí paso menos frío que en Meaño. As temperaturas por debaixo cero non indican que teñas que pasar frío, si non tés necesidade de andar por fóra non che afectan. As casas e locais aquí están moi ben construidos, dun xeito diferente e con máis illamento.

Un xoven Rafa Dovalo nos anos 70 en Finlandia no límite do círculo polar

-       E que fixeches despois de voltar de novo a Finlandia?
-     Ao voltar entrei a traballar na empresa da miña muller, onde estiven ata 2005 como inxenieiro de deseño mecánico. Era unha consultoría multinacional especializada en montar fábricas de papel e celulosa por todo o mundo. E agora estou xubilado.
-       Como coñecedor desas fábricas, que opinión che merece a polémica que temos aquí coa de Marín?
-       Eu participei en proxectos de fábricas de papel e celulosas por todo o mundo, o último o da fábrica de Fraibentos en Uruguai que tanta polémica espertou en Arxentina porque temían lles ía contaminar o río fronteirizo. Para facer esta fábrica fixeron falla estudos ambientais moi estritos que esixía o Banco Mundial para aprobar a financiación. As probas superaron os requerimentos ata o punto de que a agua que retornaba ao río ía moito máis limpa que a que fábrica collía del. O caso de Marín é outro. O problema consiste en que un 10 por centro da gañancia hai que gastala en depuración, pero os accionistas queren resultados na bolsa de valores e non lle preocupan os cheiros nin a contaminación. O peor de todo é que non é rentable porque nin siquera chegan a fabricar aí o produto final que é o papel. As fábricas de papel non cheiran nin contaminan tanto como as de celulosa. En este aspecto Portugal está mellor servida que España porque ten poucas fábricas pero máis modernas, automatizadas e produtivas. Coñezoas ben porque son proxectos nos que tamén participei eu.
-       Con tantos anos en Finlandia, considéraste xa un finés ou segues a ser español en Finlandia?
-       Sigo a ser un español en Finlandia. Nunca tiven necesidade de cambiar a nacionalidade, os meus fillos naceron aquí como españois e estaban incluidos no meu pasaporte, si ben máis tarde a muller solicitou para eles a doble nacionalidade por cuestións escolares. De todos xeitos estou moi asociado con nativos, teño moitos amigos fineses, algúns incluso son padriños dos nosos fillos.
-       É certo iso da depresión invernal nos países nórdicos?
-       É certo porque se relaciona coas horas de luz. Entre maio e novembro aquí o clima é bastante similar o de aí, pero no inverno temos moitas menos horas de luz: aínda que non é noite pechada, máis ben penumbra, podemos dicir que empeza a clarear ás 11 da mañán é despois das catro da tarde xa empeza de novo a escurecer. Pero aquí estamos acostumados e no verán cargamos as pilas.
-       Son moi diferentes os horarios de traballo e comida?
-       Diferentes son en España con respecto a Europa. En Finlandia almorzamos entre 6 e 8 da mañán, logo nas grandes empresas o xantar sérvese en liñas de autoservizo entre 11 e 14 horas. O horario de traballo adoita ser flexible: si entras ás 7 saes as 15, si o fas as 9 saes as 17, cun alto dunha media hora para xantar. Logo ceamos entre as 18 e 20 horas. Daquela quédanche catro ou cinco horas para facer deporte, ver televisión, ir ao cine, á ópera, a concertos…
Rafa Dovalo á dereita no seu traballo nunha consultoría multinacional
   -  Fálanos máis desos horarios flexibles
   -   No meu caso na empresa onde traballaba tiñamos unha chave magnética que servía para todo, incluso para pagar o xantar, rexistraba a hora de entrada e de saída, o saldo positivo ou negativo do tempo que tiñas. Por exemplo, si de luns a xoves entrabas ás 7 e saías ás 17 horas facías duas horas máis cada día. O xoves ao saír o rexistrador dicíache que tiñas 8 horas de saldo a favor e, por tanto, o venres non necesitabas voltar ao traballo. Un horario así permíteche saír nas horas de traballo aos teus compromisos, incluso asistir a clases dalgún curso. Nas empresas grandes como a nosa tiñamos ata un médico e un par de enfermeiras para evitar deixar o traballo, saíalle máis rentable á empresa pagar a esos profesionais que sofrir as perdas de producción ocasionadas pola asuencia dos empregados cada vez que tiñan que ir ao médico fóra. Logo as empresas grandes ofrecen oportunidades de formación adicional, cursos, seminarios, etc. Deste xeito eu puiden conseguír a maiores os títulos de inxeniería mecánica e inxeniería informática.
-       Nótase tamén a crise en Finlandia?
-       Claro que se nota. As grandes empresas involucradas na bolsa valores levan as fábricas para países como China, Indonesia o India, sinxelamente porque a man de obra é máis barata alí, e isto orixina paro a nivel nacional.
-       Que visión se ten de España aí, sobre todo agora coa crise?
-       A visión dun país que despilfarra moito, onde os gobernantes non teñen responsabilidade á hora de economizar. Ata aquí tamén chegaron as noticias desas obras faraónicas construidas con diñeiro da Unión Europea, como esos aeroportos en cidades de poucos habitantes e con pouco tráfico aéreo, feitas só coa idea de conquerir comisións por outorgarlle a obra aos amigos e constructores a dedo. A vergoña do que está pasando con Iberia e moitas cousas máis tamén están nos medios de comunicación de aquí. Polo demáis saben que somos un país onde corremos frenéticamene diante dos touros, onde facemos liortas con toneladas de tomates en vez de darllos aos países famélicos de África… o país de “viva a festa!”
-         É moi diferente o xeito de facer política en Finlandia que en España?
-  Eu diría en que a diferencia máis notable é cando ves aos políticos en televisión dun debate. En Finlandia os da oposición, en vez de insultar e desacreditar como fan en España, tentan colaborar e presentar alternativas constructivas en beneficio de todos. Hai que velo para crelo!.
-       Dirías que Finlandia é un país caro?
-       En comparación con España sí. O aluguer dunha vivenda de 60 m2 pode costar entre 900 e 1.200 euros por mes, o gasolina de 95 está está a 1,70, o gasoil a 1,60, os restaurantes son moito máis caros… Unha botella de Martín Códax, que por aquí é o albariño que se ve, costa nunha tenda uns 16 euros pero no restaurante case que 50. Pero todo está relacionado co nivel de vida porque aquí a poboación tamén gaña máis, un salario medio está ente os 2.000 e 3.000 euros por mes.
-       Ese nivel de vida de Finlandia sempre foi valorado desde aquí onde temos de vós a referencia dun país no que a poboación paga máis impostos pero tamén recibe máis por parte do estado…
-       Aquí paga impostos todo o mundo, incluso os pensionistas. Si eu me mudara para Meaño a miña pensión subiría 300 ou 400 euros, que aquí me reteñen pero que aí aforraría por non chegar ao límite da cantidade requerida para aplicarlle os impostos. Certo que despois recibimos cousas a cambio, por exemplo, aquí non existen autopistas de peaxe e unha nai ten un ano de baixa por maternidade.
-       Existe aí co pago sanitario?
Estudando un proxecto de montaxe dunha fábrica de papel
-       Sí, aquí sempre houbo que pagar. Unha visita a un médico público costa uns 15-18 euros, e a un privado entre 50 e 80. E nas menciñas non hai tanto desconto. Lembro como unha vez en Portonovo un señor queixábase ao farmacéutico porque tiña que pagar tres euros pola sua menciña que custaba realmente 40 euros. En Finlandia a seguridade social non asume tanto, nunha menciña de 50 pódenche descontar uns 10 euros, non máis.
-       Outra referencia que temos aquí é a do voso o sistema educativo, que din é dos mellores do mundo.
-       Aquí os nenos empezan na escola aos sete anos. Os libros e a comida nos colexios é gratuita durante a educación obrigatoria. No bacharelato, que dura catro anos, si ben hai opción de facelo en tres si eres aplicado, os libros hai que mercalos pero a comida segue a ser gratuita. Certo que o nivel educativo que se acada en Finlandia é maior. Podo contarche unha anécdota. Aquí sempre hai moito intercambio cultural entre países. Como visita recíproca chegou un grupo de chavales dun instituto de música de Barcelona entre 10 e 15 anos. Eu estaba alí como convidado e a vergoña que pasei por ser español naquel intre non te a podes imaxinar: os rapaces non daban pé con bola, unha desafinación total, en cambio os fineses coa mesma idade semellaban profesionais.
-       Cando vés por España e ves como funcionan as cousas aquí, ¿que aspecto importarías, é dicir, que aspecto te dices “isto debíase facer como en Finlandia”?
-       A burocracia na administración. É algo que me choca moito de España. En Finlandia cando entras nunha oficina pública non tés que facer cola. As autoridades tratan de simplificar todo para evitar esa burocracia. Existen unha serie de formularios a disposición do público, elixes o que necesitas, rechéalo, entrégalo e listo. Un exemplo, eu teño os dous carnets de conducir desde fai máis de 40 anos. O español sempre tiven que renovalo, en cambio o finés acabo de renovalo agora por primeira vez. A primeira caducidade aquí é cando compres 70 anos, logo hai que facelo cada cinco anos. Figúrate o que aforrei en diñeiro e trámites por non ter que renovar inutilmente o carnet de aquí.
-       Cada vez que ven un emigrante de Alemaña, de Suiza… sempre dí aquelo de “alí trabállase doutro xeito”. Tamén pasa o mesmo co traballo en Finlandia? En que se diferencia do noso modelo?
-       Eu creo que a clave do éxito de Finlandia está en que se traballa case que sempre en equipo. A responsabilidade compártese entre varios. O que máis se ten en conta son os resultados. A un finés o peor que lle pode pasar na vida é quedarse sin traballo, ainda que lle pagues un bo paro, porque onde máis disfruta é traballando. En España, mentras haxa diñeiro pénsase máis na festa e que traballe Rita.
-       Falando de traballo. Dada a crise que temos aquí, sería bo momento para un meañés irse a Finlandia na procura del?
       
Con "Los Blues de España" en Finlandia (1970)
    
Con "Solera", último proxecto musical en España, anos 80
-       Ainda que se nota a crise creo que aquí traballo segue habendo para quen está disposto a facelo. Recentemente chegaron a Helsinqui dous galegos con carnet de primeira especial e despois dun par de semanas de prácticas para coñecer as rutas da zona metropolitana atoparon traballo nos autobuses da cidade cun salario de 2.500 euros. O ano pasado chegaron un par de remesas de 120 enfermeiras españolas porque ao parecer hai moita demanda destas profesionais. Certo que pode ser que na especialidade que buscas non atopes, pero hai ramas onde sempre hai algo: limpeza, hostalería, construcción… O problema maior está no idioma, si non falas nin siquera inglés  as probabilidades de éxito son ben escasas.
-       Que profesións ves ti que estén demandadas en Finlandia?
-       Creo que éste debe ser o país de Europa onde hai máis inxenieiros forestais, pero aínda así os cortadores de árbores andan bastante escasos, fontaneiros tamén hai poucos e mesmo na construcción hai demanda, pero en todo isto se require ter aprendido o oficio e, como dixen antes, o idioma é fundamental para acceder a un emprego.
-       Que botas máis menos de Meaño en Finlandia?
-       Eu diría que esas persoas que te saúdan espontáneamente sin apenas coñecelas de nada. E tamén os días de verán e as tertulias cos amigos se botan moito de menos na emigración.
-       Caldo voltas, ¿cal é ese lugar de Meaño a onde máis che gosta ir?
-       Esa é unha pregunta curiosa. Cada vez que vou o primeiro é visitar a familia, pero tamén me gusta ir ao supermercado Atlántico en Galiñáns a facer a compra e atoparme con xente que me coñece e que nin siquera se da conta que vivo no estranxeiro. Tamén sinto moita curiosidade de pasar pola perruquería “Estonllo” a cortar "as plumas" e enterarme alí da actualidade e dos que se ausentaron para sempre.
-       Un músico como ti, ¿non impulsou ningunha iniciativa musical en Finlandia?
-       Si, houbo un tempo que, cun valenciano e un mexicano, formei un trío de mariachis con tres guitarras acústicas. Nos momentos libres faciamos algunha acutación. En certa ocasión actuamos para o presidente Martti Ahtisaari, a quen lle deron logo o Nobel da paz, nunha despedida do embaixador mexicano.
-       Supoño que segues compoñendo. Non che faría ilusión que algunha peza túa, por exemplo dos poemas musicados de Herminia Fariña, fora interpretada pola banda de música de Meaño?
-       Claro que me faría unha ilusión enorme facer algo en colaboración con esa marabillosa banda que conta ademáis cun director moi competente como é David, ou que algún coro da zona se decidira por adaptar e meter no seu repertorio algunha desas cancións con letras dos poemas de Herminia Fariña.


Para escoitar cancións de Rafa Dovalo pincha no seguinte enlace:

Nel si queres escoitar as cancións sobre poemas de Herminia Fariña elixe na dereita en 
Bossa Novas as cancións "Relembros" e "Lágrimas"





sábado, 9 de marzo de 2013


conversas.com 

                                          JUAN JOSÉ GARCÍA BARREIRO “XOANXO”
                                                 (cura nado en Meaño)

 En cuestión de días haberá novo Papa na Igrexa de Roma. Desde este Ventanuco poñemos o punto de mira no asunto. Para iso botamos man de Juan José García Barreiro, cura natural de Meaño formado en Roma e afincado hoxe en Santiago. A primeira lembranza que teño de “Xoanxo” é saíndo da igrexa de Meaño ao lado de Don Desiderio nunha tarde de preparación para a primeira comunión cando eu era un cativo e el un seminarista a piques se ordearse cura. A segunda é como é como mestre de latín. Gracias a el aprendín -e, mellor aínda, comprendín- o suficiente nun mes de verán para recuperar o latín de segundo de BUP. E a terceira lembranza que teño del é como extremo esquerdo xogando ao fútbol no campo do Xil durante un verán nun partido de solteiros contra casados. Tiñamolo enfrente, porque xogaba no equipo dos casados pretextando en broma que “estaba casado con Deus”. Tiña unha velocidade de pernas e unha verticalidade que nós diciamos “caramba co cura!”. Hoxe subimos ata este Ventanuco para atoparnos con Xoanxo e conversar con el un pouco de todo, do divino… e tamén do humano.

“NESTA CRISE A IGREXA TEN QUE ESTAR AO LADO DOS QUE NON TEÑEN VOZ”


-    Como espertou en ti a vocación do sacerdocio? Influíu alguén?
-    Supoño que de pequeno influíu Berta de Otero. Ela foi a miña primeira mestra. Eu tiña cinco anos cando empecei a ir a sua escola, xunto cunha vintena de rapaces. Era unha escola que estaba mesmo ao lado da igrexa de Meaño e na que estiven ata os 13 anos. Daquela ela iniciounos na oración, nas visitas ao Santísimo na igrexa que estaba aberta nas tardes de verán... Tamén me influíu Victoria, a catequista que tiven sendo un cativo, como vivía e transmitía a sua experiencia cristiana. Eran catequeses que había os domingos pola tarde na igrexa a onde iamos tódolos rapaces porque ao rematar o cura Don Desiderio levábanos a súa casa a ver a televisión, a sua foi a primeira televisión que houbo en Meaño... era o ano 1959.
Xoanxo diante diante do piorno da casa en Meaño
Penso que foi ao verme un pouco naquel mundo, que Don Desiderio se fixou en min e unha tarde chegou pola casa para falar cos meus pais. Eu enredaba por alí e non sei moi ben cales foron os termos da conversa, pero os meus pais prantexáronme ir ao Seminario Menor en Santiago. Antes formeime un ano co cura Don Arturo en Dena, a onde ía en bicicleta, e que me deu clases de latín, lingua e relixión. Logo fixen sete anos no Seminario Menor ata 1969 e despois no Maior ata ordearme sacerdote o 20 de setembro de 1975.
   -    A presencia túa no Seminario Maior coincidíu cos derradeiros coletazos do réxime franquista. Eran anos de moita reivindicación na rúa, na universidade, últimos fusilamentos… ¿Cómo se vivía todo aquelo dentro das paredes dun seminario?
   -    Dentro tamén vivimos o cambio político. Xa en Belvís, no Seminario Menor, nós fumos a primeira xeración que non levou sotana no ingreso. Logo no Maior, coincidindo con esos últimos anos do franquismo, fun contactando con movementos sociais e estabamos sensibles coa loita na universidade, coa movida laboral de Ferrol… Tiñamos ademáis profesorado que se movía nesa liña reivindicativa. En 1971 chegamos incluso a protagonizar unha folga dentro do seminario en demanda de cambios, nun senso de maior aperturismo e conexión co movemento social. Mandáronos a todos para a casa e acabaron pechando o seminario un tempo. Ao final, dos 19 que eramos, ao ano seguinte só quedamos cinco, os demáis foron, digamos, convidados a abandoar.
-   Caramba, sí que foron uns inicios reivindicativos… E de aí a facer Teoloxía en Roma…
-    Primeiro estiven de cura en Marín de Abaixo entre 1975 e 1980. Foi logo cando fun facer a licenciatura de Teoloxía a Roma na Universidade Gregoriana que estaba rexida por xesuítas. Á volta estiven nunhas parroquias do concello de Touro ata  o 92, fun consiliario xeral do movemento xuvenil en Madrid ata o 95, logo dous anos cura de Castrelo e Sisán, e desde o 97 en Santiago, estou na parroquia de San Fructuoso, nesa igrexa que sae nas misas da TVG.
-      Non te prantexas a posibilidade dun retiro como cura por Meaño?
-   Non, non me gustaría. Cura xa é un, non ten porque selo a familia. Ser cura tamén condiciona a familia si vives con ela. Por outra parte Santiago é unha cidade que me cautiva.
-    Viaxemos cara atrás, cara túa estadía en Roma. Persoalmente, qué che aportou a capital italiana?
-     Roma marcoume por unha doble experiencia. Por unha banda, porque era saír da terra para ampliar horizontes. Por outra, pola riqueza intelectual de xente chegada desde moitas partes do mundo e que se movía nun ambiente de ilusión e aperturismo que aínda quedaba tralo do Concilio Vaticano II, antes de que se impuxera a línea neoconservadora que impera hoxe. Roma deume seguridade, amplitude de miras. De feito, dos meus compañeiros de entonces, 18 son hoxe bispos en diócesis de España.
    
Igrexa de Meaño ao fondo vista desde a casa rectoral
-    Supoño que estiveches polo Vaticano, tan de moda nestos días pola renuncia papal e o cónclave convocado. Cóntanos como é iso do Vaticano por dentro.
-    Apenas só estiven nel como turista, porque para entrar como crego era necesario ir con sotana e cleriman, que é esa camisa para suxeitar o alzacuellos, e eu sempre me neguei a disfrazarme. Logo fun a unha audición con Juan Pablo II no salón Pablo VI, cando algún arzobispo español ía e nos convidaba a acompañalo.
-      Desde a tua perspectiva ¿que valoración fas da renuncia de Benedicto XVI?
-     Foi unha decisión valente, pero hai que vela como algo normal nun home da sua idade. Eu creo que non se quería ver na situación dun papa como Juan Pablo II que acabou moi exposto á enfermidade. Benedicto XVI rompeu unha inercia e abreu un camiño importante si de verdade se desexa tocar cousas no goberno da Igrexa.
-  ¿Pensas que puido sentirse presionado, tanto persoal como externamente, para tomar unha decisión así?
-      Non sabemos ata que punto a curia, é dicir, o circuito de xente que está arredor do Papa, lle puido pechar portas, dificultarlle cousas… é un mundo moi pechado e complexo do que se sabe pouco.
-      E sobre a elección do novo Papa ¿fas quinielas de quen pode ser?
-   Non se sabe moito. O novo Papa sairá dos 115 cardenais que son electores. A maioría son bastantes descoñecidos porque non se manifestaron nin se prodigaron moito en publicacións…
-  ¿Cantos desos electores son españois?
-     Só cinco… e 60 son italianos!
-    115 electores, 60 italianos… non semella unha elección moi representativa da Igrexa que digamos.
-     Non, para nada. O núcleo italiano ten un peso excesivo. Son dos que penso que a elección papal tiña que ser máis representativa, con máis electores e protagonismo dos episcopados, en definitiva, unha elección máis democrática.



-    Fálase de que é hora para un Papa americano, un papa negro, un papa xoven…
-   Todo son opinións. O certo é que a maioría desos cardenais que poden saír elexidos son xente de entre 60 e 70 anos, o máis xoven ten 50 e pico…
-       Non cabe agardar pois un gran xiro con esas idades.
-     Coido que non. Por iso digo que a elección tiña que involucrar a máis xente.


-   Falando disto venme a cabeza o libro do “Código da Vinci” que pon en tela de xuizo pilares da doutrina de Cristo. Non sei si o leches e preguntábache si libros así fanlle moito dano a Igrexa.
-    Non o lin, entre outras cousas porque parte de teses que non comparto. Pero un libro así significa tamén unha oportunidade para defender a tua postura cristiana.
-    Un dos episodios que lastrou o aperturismo da Igrexa foi o fracaso daquela “Teoloxía da Liberación” que se expandíu por Latinoamérica e que semellaba en consoancia con aqueles postulados de aperturismo do Vaticano II. ¿Qué visión tes de todo aquelo?
-     A Teoloxía da Liberación estaba inspirada no libro do Éxodo: o pobo israelita oprimido rebélase contra o poder do faraón e abandoa Exipto. O mesmo se pretendía nunha América Latina oprimida polas ditaduras, cunha tendencia da Igrexa, esta da Teoloxía da Liberación, que estaba comprometida co pobo e que lle decía que tamén era posible liberarse do xugo opresor dun ditador. Pero daquela Reagan, Thatcher… e todo aquela línea conservadora dura financiou a movementos anticristianos para derrubar aquela Teoloxía da Liberación. Incluso o que acaba de ser Papa actual mostrouse entonces moi duro con ela. Aos grandes poderes non lles interesaba unha liña eclesiástica dese tipo. A partir de aí o conservadurismo impúxose na Igrexa.
-    Segundo a tua visión ¿cales son os retos pendentes de afrontar pola Igrexa católica?
-     O primeiro é o tema da muller. Nunha sociedade onde prima a igualdade de dereitos,  é necesario que a muller poida acceder tamén ao sacerdocio, e con iso a todo o que leva consigo, isto é aos cargos da Igrexa e incluso ao Papado.  A Igrexa é a única institución tabú co tema da muller, ata o exército se abreu a ela. E o segundo reto é predicar unha nova evanxelización, chegar a xente co Evanxeo desde a realidade e a lingua que impera agora, a fin de sintonizar con xente. Porque realmente cabe prantexarse ¿a xente rexeita a Deus ou rexeita as caricaturas con que o presentamos? Deus está a favor da felicidade, da libertade, está co que sofre. Alguén me dixo unha vez que “o bo cristian debe estar sempre na oposición”, porque aí está o que sofre.
-     Vamos, nada semellante o que foi a historia da Igrexa que sempre estivo, e segue estando agora, preto do poder, incluso do opresor… Non cres que na situación de crise actual a Igrexa está perdendo en Occidente unha oportunidade de estar ao lado do débil, e cando digo isto falo dunha posición de mensaxe comprometida e non só con comedores de caridade?
-    Totalmente dacordo. Nesta crise a Igrexa ten que estar ao lado do que non teñen voz. Pero, onde está, por exemplo, unha pastoral dos bispos denunciando a explotación, a estafa das preferentes, o roubo da banca…? Onde está un bispo, un crego, ao frente dun grupo para evitar un desahucio…?
-      Caramba…! E eu que pensaba que os curas erades todos de dereita.
-    (Risas) Bueno por mensaxe cristiano moitos sacerdotes estarían en sintonía coa mensaxe da esquerda, pero logo a hora da participación política, tradicionalmente, sobre todo en España, sabemos que a maioría se identifica máis coa dereita. Pero convén non esquecer que durante o franquismo, en ocasións, algunhas sacristías foron lugares de xuntanzas clandestinas de xente de Comisións Obreiras ou mesmo de comunistas que estaban perseguidos.


Conversa gratificante esta con Xoanxo. Persoalmente sempre me gustaron os librepensadores. Despois de escribila e de lela venme a cabeza unha canción de Patxi Andión que sintonizaba con esta última parte da conversa. Titulábase "A quien corresponda", estaba dirixida aos cregos e cargos da Igrexa e empezaba dicindo: “Tened a bien recibir / los que os llamáis hombres de bien [en relación áos cregos] / estas palabras que escribí /una mañana de mi ayer…" Deixo aquí o enlace en youtube. Só tes que pichar nel para poder escoitala